17.9.09

As políticas regresivas da dereita




Facía xa catro anos que parecía que o manido discurso da dereita da “mocidade delincuente, alcólica, sen valores, individualista…” deixara paso pouco a pouco cara unha idea de mocidade que se axeitase á realidade.

Foron moitos os anos durante os que o PP se adicou a lanzar unha imaxe criminalizadora dos mozos e mozas galegos, través de calumnias, insidias, medias verdades, excepcións que sorpresivamente se convertían na regra... como única xustificación para o desenvolvemento de políticas de mocidade que tiñan un claro leitmotiv: “prohibición”.

Foron moitos os anos das políticas paternalistas da dereita, políticas a través das que se poñía de manifesto que os máis novos eramos cidadáns de segunda aos que non se lles preguntaba; simplemente se lles impoñía.

Estes últimos catro anos foron anos de cambio; anos nos que se tendeu a man a unha mocidade reivindicativa, dinámica, participativa... na que por vez primeira comezamos a ter algo que dicir e que fose escoitado. Pero para conseguir ter unha mocidade plenamente igualada en dereitos, non basta con tender a man, hai que fomentar espazos de coparticipación a través dos que poidamos manifestar as nosas inquedanzas, as nosas dúbidas, as nosas ideas... espazos a través dos que poidamos dialogar, consensuar e tomar parte de todas esas decisións políticas das que durante 16 anos fomos intencionadamente afastados.

Pero desgraciadamente o discurso parece que volve a callar. Falan de botellón aqueles que nunca baixaron do seu coche oficial para falar cos máis novos dos motivos polos que fan botellón, para falar do tipo de ocio que prefiren, para falar das formas de participación social non formal que tanto se negan a recoñecer... Falan de botellón aqueles que din que “o botellón se explica pola perda de hábitos culturais tradicionais de consumo de alcol”. Pero que era acaso o guateque? Que son as festas populares máis que botellóns? Acaso inventáronse agora o calimocho ou os cubatas?

Detrás destas afirmacións o que se agocha é unha actitude hipócrita e reducionista que identifica botellón con alcolismo, non sendo consciente de que os reducionismos na vida son tan simples como a ignorancia que está detrás deles.

Se a Administración está preocupada polos patróns de consumo abusivo de alcol por parte da nosa sociedade o que ten que facer é fomentar políticas preventivas dende o ensino e non apostar por respostas represivas e prohibitivas que non atacan a orixe do problema. E se a Administración está preocupada polo ocio dos máis novos, o que terá que facer é aplicar o diálogo social ao ámbito das políticas de mocidade, pois seguramente da man da mocidade e dos outros actores sociais implicados se chegue a solucións razoables que satisfagan todos os intereses en xogo.

María Torres é a Secretaria Xeral das XSG