As Xuventudes Socialistas de Galicia inician unha campaña nos centros educativos para informar aos xóvenes dos “ataques da Consellería de Educación ao ensino público”
A campaña, baixo o lema “Por un ensino sen Ataduras. Súmate”, ten por obxecto informar aos xóvenes das políticas de educación da Xunta e animalos a que “reivindiquen os seus dereitos”
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2009.- As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) inician unha campaña nos colexios, institutos e universidades, co fin de informar aos mozos e mozas dos “ataques da Consellería de Educación contra o ensino público”. Baixo o lema “Por un ensino sen ataduras. Súmate” a campaña pretende “que os xóvenes saiban todo o que está a facer a Xunta para desmantelar o ensino público e en qué consisten as súas políticas nesta materia” así como “animar aos mozos e mozas a que se mobilicen e reivindiquen os seus dereitos”.
A secretaria xeral das XSG, María Torres, e o secretario de Educación das XSG, Pablo Otero, presentaron hoxe esta iniciativa que comezará a desenvolverse nos centros de ensino de Galicia mediante a distribución de dípticos e carteis e da información directa aos estudantes da situación que está a sufrir o ensino público dende o cambio de goberno na Xunta.
Unha situación que María Torres resumiu nos “recortes tanto económicos como de dereitos que sufrimos especialmente os xóvenes”. A secretaria xeral das XSG criticou especialmente que a Xunta “só aplique a austeridade no ensino público mentres incrementa o gasto no privado”.
Torres destacou entre os “ataques” do Goberno de Feijóo á educación pública a supresión da gratuidade dos libros de texto, a supresión de postos de traballo entre o profesorado e a eliminación dos obradoiros de inmersión. Criticou tamén a falla de investimentos en infraestruturas, que supuxo a supresión de comedores escolares de xeito que “a día de hoxe máis de 2.200 nenos non teñen asegurado o comedor”, o reagrupamento do alumnado e especialmente o peche de 23 escolas neste curso en Galicia.
María Torres subliñou que “os investimentos que a Xunta está a recortar no ensino público pasan a centros privados” e lembrou que “os centros privados, que segregan por sexo e na súa maioría ligados ao Opus, recibirán este ano 3 millóns de euros”. Isto supón que o Goberno de Feijóo “está financiando unha política discriminatoria e elitista” ao renovar os concertos por catro anos máis “que levará a incrementar en 17 millóns de euros o que estaba previsto na pasada lexislatura”.
A secretaria xeral das XSG e o secretario de Educación denunciaron o “conflicto lingüístico inventado” pola Xunta e a realización dunha enquisa “cuxo custo pode chegar aos 400.000 euros para dar un resultado cociñado polos propios políticos do PP”.As XSG consideran que é necesario informar aos xóvenes e lograr a súa implicación, polo que fixeron un chamamento á mocidade “para que non quede calada e proteste e reivindiquen os seus dereitos”.
Carteis, dípticos e web
A campaña das XSG centrarase por unha banda na información de xeito presencial nos centros educativos de Galicia, a distribución de dípticos e carteis con información sobre os recortes no ensino público que está a aplicar a Xunta, e por outra parte na creación dunha web como unha ferramenta de participación da mocidade.
A web das XSG incluirá un “diario de campaña” no que se irá informando de todas as accións que se realizan e co fin de lograr “que os mozos e mozas se impliquen facendo os seus comentarios e aportando ideas”, explicou Pablo Otero.
O secretario xeral de Educación das Xuventudes indicou que “pouco a pouco iremos incorporando novas actuacións” porque esta campaña “non rematará ata que o PP deixe de atacar o ensino e recortar os nosos dereitos”, dixo.
Autoridade profesores
En resposta a preguntas dos xornalistas, María Torres explicou a postura das XSG ante a proposta da comunidade de Madrid de aprobar unha Lei de Autoridade do profesor. Torres defendeu a coparticipación do alumnado nos centros, a formación do profesorado e a implicación da comunidade educativa para lograr que o profesor sexa respectado “polo recoñecemento ao seu saber e non polo medo”.
Por elo avogou por gañar o respecto ao profesor “con medidas multidisciplinares e traballo conxunto” e non por medio dunha Lei “xa que isto non garante o respecto”, apuntou. “É gracioso que sexa Esperanza Aguirre a que abandere esta lei, cando é a primeira que non respecta os dereitos do profesorado, xa que aprobou uns orzamentos universitarios que recortan os seus salarios, e está a eliminar profesorado e orientadores, amosando que non respecta o ensino público”.



0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada