3.9.09

O ensino público non é do gusto de Feijóo

Dende a toma de posesión do PP no goberno da Xun-ta de Galicia, a Consellería de Educación comezou unha carreira sen freo a prol da privatización do ensino en Galicia. Así, nada menos que en catro meses conseguiron desmontar todo o sistema de benestar educativo que tanto custou crear no noso país: eliminación da gratuidade dos libros de texto, ERE encuberto do profesorado, ataque á lingua no ensino, proceso de reagrupamento do alumnado para eliminar clases, subvencións a centros privados que segregan por sexos nas aulas... e un longo catálogo de medidas que atacan directamente aos intereses da grande maioría dos galegos e galegas.

Deste xeito, coa eliminación da gratuidade dos libros de texto, unha parella galega cun fillo, na que cada un gañe máis de 559 euros brutos ao mes non terá dereito a libros gratuítos; os recortes na plantilla de profesorado suporán a perda de entre 700 e 1000 postos de traballo; centros privados que co bipartito non recibían un euro, recibirán agora de mans do goberno de Feijóo uns 3 millóns de euros; a paralización de investimentos e obras da Consellería de Educación suporá o peche de 53 escolas no noso país...

Esta actitude da Xunta de Galicia non pode ser máis que rexeitada por parte da sociedade galega, máxime cando estamos a falar de cartos públicos que en lugar de investirse no ensino público, van a parar a centros privados ligados na súa maioría ao Opus Dei. Centros, moitos deles que non dubidan en aplicar criterios de segregación de nenos e nenas nas aulas que supoñen un ataque directo aos principios de igualdade e non discriminación, así como un perigoso paso atrás en materia educativa.

Estas decisións do goberno de Núñez Feijóo, poñen de manifesto a intención de financiamento prioritario do ensino privado, pese a quen lle pese, e custe o que custe. Así, o Partido Popular está a mostrar novamente unha clara intención de recortar orzamentos na educación pública, xa que non dubida en recortar en gasto social no público cando ten oportunidade; e de premiar e financiar o ensino privado, ao que parece non estar afectando moito a política de austeridade da Xunta de Galicia.

O ensino público, señores do PP, non debería ser obxecto instrumento ao servizo de intereses partidistas, nin tampouco formar parte de ningunha axenda de crispación social, máxime cando a educación é o único instrumento que consegue igualar en oportunidades e dereitos á nosa sociedade.

De continuar favorecendo actitudes deste estilo, parece que volveremos a un pasado do que algúns nunca quixeron que saísemos.

María Torres é Secretaria Xeral das XSG